Monday 06 de May de 2024

Xunta e Deputacións danse un mes de prazo para analizar a viabilidade dun cambio de sistema dos consorcios de bombeiros


O vicepresidente da Xunta considera fundamental a salvagarda dos traballadores e que a modificación sexa viable xuridicamente

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro cos presidentes das catro Deputacións Provinciais – Valentín González da Coruña, Darío Campos de Lugo, José Manuel Baltar de Ourense e Carmela Silva de Pontevedra-, na que abordaron a situación dos consorcios provinciais de bombeiros e estableceron un prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo.

Na súa comparecencia antes os medios, o tamén conselleiro de Presidencia destacou que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído.

En todo caso, Rueda amosou a súa disposición a explorar esta posibilidade e avanzou que Xunta e Deputacións se dan un mes de prazo para analizar a súa viabilidade. En concreto, o vicepresidente quixo facer fincapé en que o fundamental para o Goberno galego é que este cambio de xestión sexa viable xuridicamente, que non supoña un maior custe ás arcas públicas e que non represente prexuízos para os traballadores.

“Non é unha cuestión de ideoloxías”, enfatizou Rueda, que salientou que o sistema actual é un exemplo de coordinación entre Administracións e que por elas teñen pasado nestes anos responsables de distintas formacións -tanto nas distintas Deputacións como a nivel autonómico- e o modelo se mantivo invariable.

Salvagarda dos traballadores
Nesa liña, o vicepresidente amosouse moi satisfeito co labor que levan a cabo os bombeiros comarcais galegos e coa súa profesionalidade e incidiu na necesidade de que se salvagarde o seu emprego, xa que o paso dun sistema de xestión indirecta a un sistema directo conlevaría previsiblemente a apertura dun proceso de seleccion no que pode non estar garantida a permanencia nos seus postos da totalidade do persoal que actualmente presta os seus servizos.

Precisamente, neste mes de prazo unha das labores que se levará a cabo dende Xunta e Deputacións é recabar informes para coñecer en que situación quedarían os bombeiros no caso de que o servizo pase a xestionarse directamente polas administracións.

Avances no modelo
Tanto Xunta como Deputacións coincidiron en que o o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e Deputacións abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar de xeito satisfactorio o servizo na totalidade da nosa Comunidade.

Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros -aos que se sumará este ano un máis en Carballiño-, espallados por toda Galicia e organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas Deputacións. No eido das emerxencias, Administración autonómica, entes provincias e tamén os concellos colaboran así mesmo no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que recentemente veñen de ser renovados por outros tres anos.